messages.go_to_page_content
Fundación Luís Monteagudo
  1. Luis Monteagudo
  2. Biografía

Últimos anos en Compostela (1985-2018)

Malia a súa xubilación en 1985, Luis Monteagudo mantivo nos seus últimos anos unha intensa produción científica, entre a que hai que salientar un profundo estudo sobre a toponimia galega e as memorias de escavación do Castro de Elviña e o campo megalítico da Zapateira.

A partir do seu retiro en 1985 desde a súa vivenda compostelá da praciña de Belvís, proseguiu cunha ampla e prolífica actividade científica ata os 92 anos, cando a cegueira lle imposibilitou seguir traballando. Durante esta etapa asistiu a congresos, realizou numerosos traballos de campo en compañía dos seus discípulos e, por suposto, continuou colaborando en diversas publicacións. Cabe destacar un profundo estudo sobre a toponimia galega que non chegou a rematar, aínda que importantes avances do mesmo se atopan no Anuario Brigantino, revista do cuxo Comité Científico formaba parte e que contén outros traballos seus, entre os que se inclúe a memoria da escavación do castro de Elviña (o primeiro que escavou este xacemento, en 1947) e o seu estudo sobre as 33 mámoas da Zapateira. Estas foron algunhas das súas numerosas contribucións á prehistoria e á historia da súa querida Coruña natal.

A Asociación de Arqueólogos de Galicia tributoulle un cálido homenaxe en 1996 no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela.

En 2013 creou a “Fundación L. Monteagudo” co obxectivo de fomentar “a investigación e os estudos da Historia e Filoloxía de Galicia”. A súa ética levouno a vivir co imprescindible, a coñecer as plantas e os fungos (un dos seus grandes amigos foi o maior micólogo de Galicia, Luis Freire García) e a axudar xenerosamente aos máis necesitados.

Na hora da súa marcha, á unha da madrugada do 14-02-2018, cos seus fecundos 98 anos dedicados case exclusivamente á investigación, xa podemos dicir con plena xustiza que se foi un dos vellos sabios de Galicia. Pero a súa figura pervivirá entre nós grazas á súa extensa obra.

Imaxes