messages.go_to_page_content
Fundación Luís Monteagudo
  1. Luis Monteagudo
  2. Biografía

Post scriptum

Consonte aos principios que guiaron toda a súa vida, na súa lápida en Boisaca, Luis Monteagudo mandou gravar coma epitafio: Nemo fun. Nemo sum.

Pola súa maneira de ser, vivir e comportarse, don Luis tivo fama de avaro entre as persoas que o trataban superficialmente, sendo obxecto de comentarios e anécdotas ao respecto. Nada máis lonxe da realidade. É certo que vivía como un pobre, a súa casa era austera, sen ningún tipo de luxos, nin sequera electrodomésticos, a excepción de dous frigoríficos, un dos cales utilizaba como contedor de libros.

Certamente, guiado polo seu estrito código ético, non malgastaba diñeiro en roupa; para a comida empregaba o xusto e necesario, valorando moito os produtos da terra que atopaba no Mercado de Abastos de Santiago e criticaba constantemente o enorme e irresponsable despilfarro da sociedade de consumo capitalista. Dedicaba a súa vida ás súas investigacións, realizando maratonianas xornadas de 16 ou 18 horas, polo que non precisaba deses “luxos”. Ademais, esa suposta “avaricia” estaba de sobra compensada polas súas obras. Sempre axudou ás persoas que o necesitaban (especialmente estudantes) e que dalgún xeito se achegaban a el. Apoiaunos non só economicamente, senón tamén nas súas vidas profesionais. Para moitos foi un guía e un referente permanente.

Monteagudo era, en efecto, un aforrador nato, pero nunca para o seu propio beneficio, pois sabía que se ía deste mundo co posto, e así o estipulou nas súas últimas vontades. Segundo consta, dedicou gran parte da súa vida a obras benéficas, xa que lle preocupaba moito a pobreza e a xente necesitada, algo que experimentou especialmente de preto na Guerra Civil e na posguerra.

Destinou gran parte dos seus aforros a obras benéfi cas, tanto relativas a individuos como a institucións. Aínda que desde 1975 vivía en Santiago de Compostela, sempre estivo moi ligado á cidade que o viu nacer (A Coruña), mantendo a súa colaboración con varios centros benéficos, moi especialmente coa Cociña Económica, da cal era o maior contribuínte individual, só igualado ou superado pola Fundación Barrié de la Maza. E así o fi xo ata 1984.

A comezos do século XXI fixou os seus obxectivos benefactores de maneira máis global a través de fundacións internacionais, destinando os seus aforros a diversos proxectos: atención ás vítimas do terremoto de 2001 en municipios do departamento de Usulután (República del Salvador); dotación de auga potable a dúas comunidades da rexión de Tigray (Etiopía); rehabilitación do sistema de abastecemento de auga á poboación residente e desprazada na provincia de Malanje (Angola), etc. Seguindo os principios que o guiaron ao longo da súa vida, insistiu en que a súa lápida no cemiterio compostelán de Boisaca contivese unicamente o seguinte epitaf o: Nemo fui. Nemo sum. [Nada fun. Nada son.]