messages.go_to_page_content
Fundación Luís Monteagudo
  1. Luis Monteagudo
  2. Biografía

Investigación arqueolóxica e xestión museística (1960-1970)

En 1960 Monteagudo renova a bolsa da Fundación March e inicia a etapa que adoitaba cualificar como os anos máis felices da súa vida. Fai labores arqueolóxicos en Francia, Italia e Grecia, e realiza con Hermanfrid Schubart unha viaxe de estudos por Turquía. De 1965 a 1967 será colaborador do Ministerio de Información e Turismo e membro científico da Deutsche Forschungsgemeinschaft. En 1967 é nomeado conservador do Museo Provincial de Logroño, no que inicia un traballo museístico que o levará despois a Segovia e Ávila, onde desenvolverá un intenso programa de escavacións.

En 1960 renovou a súa bolsa coa Fundación March para estudar as “Relaciones prehistóricas de España con Europa, especialmente en la Edad del Bronce”, prorrogada en 1962 para a “Elaboración del corpus de bronces prehistóricos”. Segundo dicía, foron os anos máis felices da súa vida. Encargouse da datación dos obxectos de bronce da colección Calvet do Museo de Avignon (Francia) e da reorganización e catalogación do Museo de Bérgamo (Italia). Durante dous anos viviu na sede do Instituto Arqueolóxico Alemán en Atenas, participando en varias escavacións por Grecia. O profesor Franz Willemsen pediulle entón que excavase e debuxase no Cerámico, ao suroeste de Atenas, na tumba dun rodio de ca. 560 a.C. Tamén traballou co Dr. Barker en Olympia para os alemáns e en Nauplia para o Museo Grego. 

O profesor medievalista Torcuato de Sousa Soares utiliza unha frase súa sobre as condicións do historiador científico, como lema do seu libro, Reflexões sobre a origem e formação de Portugal (Faculdade de Letras da Universidade de Coimbra, 1962): “…a mente do investigador debe ser, aínda que parca en conclusións, áxil e pródiga en suxestións”.

Neste tempo, entablou amizade co arqueólogo alemán Hermanfrid Schubart, con quen realizou unha viaxe fructífera por Turquía. Ao regresar a España, Monteagudo contaba cun arquivo e unha biblioteca de gran relevancia sobre a Idade do Bronce. Pero de toda a súa odisea por Europa e Asia Menor traía tamén algo máis, ao especializarse no debuxo arqueolóxico.

De xuño de 1965 a xuño de 1967 foi colaborador interino do Ministerio de Información e Turismo de Madrid. Nesta época, foi nomeado membro científico da Deutsche Forschungsgemeinschaft, onde debuxou e redactou o Corpus de Cobre y Bronces Prehistóricos de España y Portugal.

En xuño de 1967 foi nomeado conservador do Museo Provincial de Logroño, cargo ao que accedeu en agosto, realizando as prácticas necesarias para o ingreso no Corpo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos. En outubro foi nomeado director do devandito Museo de Logroño e, no mes de novembro, director do Museo Arqueolóxico Provincial de Segovia. Porén, polas circunstancias do Museo de Logroño, esperaría a tomar posesión deste novo cargo a finais de decembro. Cando apenas levaba dous meses como director en Segovia, en febreiro de 1968 cesou e foi destinado pola Dirección General de Bellas Artes como director para a “organización, instalación y montaje del Museo de Bellas Artes de Ávila”. Unha ardua tarefa que desenvolveu trasladando o Museo á Casa dos Deanes. Finalmente, o 7 de agosto de 1968, ao cumprir o prazo de prácticas establecido pola lei, foi nomeado funcionario do Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos (sección Museos).

En 1969 foi proposto como Académico Correspondente da Real Academia da Historia, da que pasou a formar parte desde 1970. En novembro dese ano solicitou excedencia durante dez meses no Museo de Ávila (que prorrogaría tres meses máis) para realizar estudos sobre “diversos obxectos do Museo e bronces prehistóricos da Península Ibérica en bibliotecas e seminarios alemáns”.

Durante a súa etapa como director do Museo de Ávila realizou diversas escavacións en Niharra e diferentes solares da cidade (no Palacio de Valderrábanos, onde rescatou os restos da cuberta pintada no século XVI; no convento das Gordillas; na rúa dos Cabaleiros; na rúa Blanco Gimeno, etc.). Ademais, prospectou e realizou calicatas con recollida de material en tres castros dos arredores da cidade (Cerro Hervero, Cerro do Poste e Sonsoles), tamén en castros e outros xacementos de Muñogalindo, Ulaca, Navasangil, Sanchorreja, As Cogotas, Arropino, etc., dos que trasladou ao Museo moita cerámica e material lítico. Xa na súa etapa final como director do Museo de Ávila, na finca La Alameda Alta (Tornadizos) descubriu un recinto con tres verracos in situ e outros tres xunto ás casas da finca. Outros dous foran trasladados previamente á finca do Marqués de Santo Domingo, dentro da cidade de Ávila.

Imaxes