messages.go_to_page_content
Fundación Luís Monteagudo
  1. Luis Monteagudo
  2. Biografía

Anos de madureza (1971-1985)

En 1972 Luis Monteagudo accede por oposición á dirección do Museo Histórico-Arqueolóxico da Coruña que ocupa ate 1975, cando é arbitrariamente apartado do cargo e pasa a dirixir o Museo das Peregrinacións en Santiago de Compostela. Nese tempo retorna como docente ás aulas da USC e, en 1977, publicará unha das obras de referencia máis importantes sobre a Idade do Bronce: «Die Beile der Iberischen Halbinsel» [Machadas de Bronce na Península Ibérica].



O 14 de xaneiro de 1972 deixou o seu posto no Museo de Ávila ao aprobar a oposición de director do Museo Histórico-Arqueolóxico da Coruña, cargo que ocuparía desde o 30 de maio de 1972 ata principios de 1975, momento no que foi represaliado polo daquela alcalde, Jaime Hervada Fernández España, debido á súa defensa incondicional do Museo e do patrimonio arqueolóxico. Negouse a abrir as portas da institución (cuxas fechaduras serían finalmente forzadas por funcionarios municipais) para celebrar nas súas dependencias a festa asturiana do Bollu preñao que, moi ao seu pesar, se levaría a cabo.

A súa vehemente oposición a este atropelo tivo como resultado o seu traslado (o 26 de febreiro de 1975) en Comisión de Servizos forzosa, ao Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela, aínda que nunca sería cesado ofi cialmente como director do Museo coruñés.

En 1975-1976 exerceu como profesor agregado interino de “Arqueología” na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela. En abril de 1976 escavou cun grupo de alumnos unha medorra en Son de Abaixo (parroquia de San Miguel de Agros de Afora, Santiago de Compostela) e, un mes despois, a mámoa nº 33 do Monte de Arcas na necrópole da Zapateira (A Coruña).

Finalmente, en 1977 publicou o volume Die Beile der Iberischen Halbinsel (As machadas de bronce na Península Ibérica), integrado na monumental obra Prähistorische Bronzefunde (Prehistoria da Idade do Bronce), dirixida polo profesor alemán Hermann Müller-Karpe, da Universidade de Frankfurt.

En 1978-1979 foi nomeado catedrático interino de “Historia Antiga e Universal de España” na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela, cargo ao que renunciou a fi nais de febreiro de 1979.

Na década de 1980 mantivo unha relación moi próxima con Portugal, participando en encontros como o III Coloquio sobre Lenguas y Culturas Paleohispánicas (Lisboa, 1980), o I Coloquio Galaico-Minhoto (Ponte da Lima, 1981) e o Coloquio Santos Graça de Etnografía Marítima, aspectos culturais e aspectos relixiosos (Povoa de Varzim, 1982), entre outros.

Luis Monteagudo finalizou a súa vida laboral no Museo das Peregrinacións en decembro de 1985, pero o seu afán por aprender e perfeccionarse levouno a emprender, en 1989 e a piques de cumprir 70 anos, unha nova viaxe de estudos por Francia e Suíza, recordando os realizados nas décadas de 1950 e 1960, ao tempo que visitaba e tomaba notas nos museos e monumentos que atopaba no seu camiño.

Imaxes