Anos de formación (1951-1960)
Ao inicio da década dos anos cincuenta, Luis Monteagudo traballa na Biblioteca do Museo Arqueolóxico Nacional e intensifica a súa formación en centros de investigación punteiros (Institut Français, Instituto de Arqueoloxía Rodrigo Caro do CSIC, Deutsches Arqueologisches Institut, Römisch-Germanischen Zentralmuseum de Maguncia... ) e en 1954-55 realiza unha viaxe de estudos por Alemaña, Austria, Italia e Francia no que combina traballos museísticos e arqueolóxicos. En 1956, retorna a Madrid como bibliotecario do Instituto Arqueolóxico Alemán e, en 1957, accede a unha bolsa da Fundación March.
En maio de 1951 escavou unha sepultura romana de tégulas, 30 m ao sur das ruínas da capela do Portiño (A Coruña). No curso 1951-1952 renovou o cargo de profesor auxiliar de clases prácticas de Arqueoloxía na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade Central.
En 1952 foi nomeado encargado da Biblioteca do Museo Arqueolóxico Nacional e bolseiro do Institut Français para estudar nos “museos de Francia y las relaciones prehistóricas entre Galicia y Bretaña”.
No curso 1952-1953 foi nomeado colaborador do Instituto de Arqueoloxía “Rodrigo Caro” do CSIC, para o estudo “Tipología gráfica y cronología de las ánforas españolas”, un traballo que non nos consta que fose publicado. Durante esta época participou nunha escavación na vila romano-tardía de Collado Mediano (Collado Villalba, Madrid).
En 1953 foi pensionado polo Deutsches Arqueologisches Institut de Berlín, do que sería membro correspondente, para coñecer a arqueoloxía, museos e escavacións en Francia, Inglaterra, Italia e Dinamarca.
Nos anos 1954-1955 foi colaborador do Instituto de Arqueoloxía e Prehistoria “Rodrigo Caro”, onde realizou o estudo “La costa coruñesa en las fuentes clásicas, desde las Cassitérides hasta la desembocadura del río Mera”. Por outra parte, foi nomeado asistente científico do departamento de Römisch-Germanischen Zentralmuseum de Maguncia. Por esta época dedicouse especialmente ao estudo, debuxo e exposición de armas, fíbulas, cerámica e instrumentos de ferro e bronce. Neste período participou nas escavacións arqueolóxicas de Iuliobriga (Cantabria), dirixidas por Antonio García y Bellido, encargándose sobre todo das exploracións das vías romanas da comarca.
En 1955-1956 realizou unha viaxe de estudos (en bicicleta e cos seus propios aforros, un pioneiro tamén nisto) polos principais museos de Alemaña, Austria, Italia e Francia, co fi n primordial de recoller materiais para escribir un libro sobre balanzas e outro sobre ferros e técnica romana, que non chegaría a publicar. Para sufragar os gastos realizou traballos de clasifi cación de múltiples pezas en diversos museos (incluído o Gregoriano-Etrusco do Vaticano). Neses anos participou co profesor W. Dehn na escavación do castro céltico de Hallstatt de Heuneburg (Alta Suabia, Alemaña) e no de Wurt de Federsen Wierde no noroeste de Alemaña. De regreso a España, en 1956 foi bibliotecario do Instituto Arqueolóxico Alemán, en Madrid, cargo que compatibilizou con numerosas actividades ata xuño de 1957. En 1956 reintegrouse como colaborador e bibliotecario do Instituto “Rodrigo Caro” para elaborar a “Bibliografía arqueológica de 1954-1955”.
En 1957 participou nas escavacións que o Instituto Nacional de Arqueoloxía levaba a cabo na cidade romana de Augustobriga (Talavera la Vieja, Toledo). Nese ano recibiu a súa primeira bolsa da Fundación March para o “Estudio de las relaciones prehistóricas y protohistóricas de la península Ibérica con el sur de Italia, Sicilia, Grecia, Asia Menor y Egipto”, que mantería nos dous anos seguintes. Neste proxecto traballou especialmente desde a Soprintendenza alle Antichità de Milán, así como no Museo de Historia Natural de Verona, na universidade de Perugia e no Instituto Arqueolóxico Alemán en Roma. Realizou uns 3.500 debuxos e unhas 10.000 fi chas, segundo consta na Fundación March. É durante esta época cando comezou o corpus de cascos orientais, gregos, etruscos e romanos, estudando tamén a arte italiana, desde o gótico ata o século XVIII, aínda que non chegaría a publicar ningún destes traballos.
En 1958 e 1959 participou nas escavacións do Forum Semproni (Umbría), no Pozo romano en Piádema (Milán) e na Piazza del Duomo de Milán. Realizou unha escavación como director por encargo da Soprintendenza alle Antichità de Lombardia no Castello di Castioni da Presolana, ao nordeste de Bérgamo.