messages.go_to_page_content
Fundación Luís Monteagudo
  1. Luis Monteagudo
  2. Biografía

A primeira andaina (1930-1950)

Con 16 anos, Luis Monteguado, acompaña o seu pai e outros membros da asociación Amantes do Campo na prospección e escavación das mámoas da Zapateira. Tras facer estudos no Instituto e na Escola de Artes e Oficios da Coruña, traballa no Servizo de Correos ata o estalido da Guerra Civil. Coa fin da guerra reincorpórase a Correos, ao tempo que estuda Filosofía e Letras na Universidade de Santiago. Impartirá docencia, primeiro, na Coruña e, despois, en Vigo, onde realiza traballos de prospección e escavación que callarán nas súas primeiras publicacións sobre o petróglifo de Fregoselo e materiais cerámicos castrexos. En 1944 vai a Madrid como bolseiro do Instituto Diego Velázquez de Arte y Arqueología. De volta en Galicia, dá clases na cátedra de Prehistoria e Historia de España da Idade Antiga e fai, en 1947, a primeira escavación do castro de Elviña. En 1949 doutorouse coa súa tese «Prehistoria del NW. de España: Galicia en Ptolomeo».

De neno, acompañaba ao seu pai Manuel nas innumerables excursións educativas dos “Amantes del Campo”, que fundara don Manuel Insua Santos. De feito, en 1935, participou na escavación que esta asociación realizou nas mámoas da Zapateira (A Coruña e Culleredo). Probablemente foron estas experiencias as que o converteron nun verdadeiro trotamundos, de tal xeito que non debe quedar ningún lugar de interese en Galicia polo que non pasase, sen contar as súas viaxes polo resto do continente europeo.

Na etapa 1930-1936 estudou no Instituto Nacional de Ensino Medio da Coruña; de 1935 a 1937 compatibilizou os seus estudos no Instituto coa Escola de Artes e Oficios Artísticos desta cidade. En agosto de 1937 comezou a súa vida laboral con 17 anos, sendo “cartero auxiliar adjunto” e posteriormente “brigada postal” no Servizo de Correos da Coruña ata que foi alistado, na súa quinta (1938) no bando nacional, no 11º Batallón de Infantería Zamora 29. Participou na Guerra Civil, resultando ferido en dúas ocasións. Finalmente, como mutilado de guerra, volveu incorporarse ao Servizo de Correos desde abril de 1939 ata decembro de 1940.

O traballo en Correos compatibilizouno entre 1939 e 1940 cos estudos de Filosofía e Letras (1º e 2º cursos intensivos no mesmo ano) na Universidade de Santiago de Compostela. En 1940-1941 realizou o terceiro curso, especialidade en Filoloxía Clásica, con Gonzalo Torrente Ballester, entre outros profesores, obtendo matrícula de honra en todas as materias. 

En 1941-1942 realizou o 4º curso, obtendo o título de Licenciado en Filosofía e Letras (sección Letras, especialidade en Filoloxía Clásica). Nese mesmo curso foi nomeado axudante de clases prácticas de Debuxo no Instituto Nacional de Ensino Medio (masculino) da Coruña, onde estudiara.

En 1942-1943 foi encargado do curso de Latín no Instituto Nacional de Ensino Medio de Vigo, onde aproveitou para realizar a súa primeira publicación, “Petroglifo de Fregoselo (Vigo-Corujo)” no Archivo Español de Arqueología, ao tempo que realizou prospeccións arqueolóxicas arredor da ría de Vigo e unha escavación no Castro das Medoñas (Coruxo) en febreiro de 1943.

En 1943-1944 regresou á súa Coruña natal onde impartiu clases particulares e en academias.

En 1944-1945 trasladouse a Madrid como bolseiro do Instituto Diego Velázquez de Arte e Arqueoloxía, onde preparou as fi chas para o fi cheiro arqueolóxico de España, compatibilizando este traballo co de profesor no Colexio-Academia do Prado. A fi nais de 1945 participou na exhumación de diversas pezas prerromanas e romanas con motivo duns traballos nos arredores da Torre de Hércules.

En 1946-1947 renovou a súa bolsa no Instituto Diego Velázquez e regresou a Galicia, comezando a súa vida académica na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Santiago como profesor axudante de clases prácticas na cátedra de “Prehistoria e Historia de España de la Edad Antigua” e encargándose provisionalmente da auxiliaría de “Historia Moderna y Contemporánea de España”. Durante este período reorganizou o Museo da Facultade de Filosofía e Letras e incrementouno coa colección Federico Maciñeira. Ao mesmo tempo, dirixiu excursións con alumnos aos castros dos arredores de Santiago nos que impartía clases ao aire libre e facía calicatas, exhumando diversas pezas arqueolóxicas que pasaron ao Museo da Facultade. Durante este ano de 1947 foi bolseiro do Instituto “Padre Sarmiento” de Estudos Galegos, e é nesta época cando realiza a primeira escavación no Castro de Elviña, preto da cidade da Coruña. 

En 1947-1948 renovou o seu cargo como profesor axudante da antedita cátedra e a súa bolsa no Instituto “Padre Sarmiento”. Foi nomeado Académico Correspondente da Real Academia Galega en 1948.

No curso 1948-1949 trasladouse de novo a Madrid para dar clases prácticas de Arqueoloxía na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade Central que, posteriormente, se convertería na actual Complutense, explicando Prehistoria Universal como axudante do catedrático Antonio García y Bellido. O 25 de xuño de 1949 doutorouse en Filoloxía Clásica pola Universidade Central de Madrid coa súa emblemática tese, Prehistoria del NW de España: Galicia en Ptolomeo, dirixida por Antonio García y Bellido. Ese mesmo ano renovou a súa bolsa no “Padre Sarmiento” e realizou unha pequena escavación para a exhumación dun sepulcro paleocristián en Coiro (A Laracha), que publicaría en 1950 no Archivo Español de Arqueología

Por este tempo, Monteagudo xa traducía e falaba italiano, portugués, francés, inglés, alemán e grego moderno, ademais do castelán e o galego. Traducía o grego antigo, o latín e obtivera matrícula de honra en Sánscrito e Gramática Comparada de Linguas Indoeuropeas. Mención especial merece o esperanto, que herdou do seu pai, Manuel, quen fora precursor deste idioma de vocación universal na Coruña.

Imaxes